Biopsia da soidade

Máis de 9.000.000 de británicos declaran sentirse sós. Medio millón de británicos maiores de 60 anos só falan, como máximo, cunha persona unha vez á semana, pero para a maioría deles admitir que se sinten sós é todavía un estigma. Talvez intuíndo que isto será un problema a curto prazo o Reino Unido creou en 2018 o Ministerio da Soidade.

A Enquisa Continua de Fogares do Instituto Nacional de Estadística do Estado Español para 2015 informaba de que en España vivían soas 4.611.129 persoas, o que supuña un 10.1% da poboación total. A día de hoxe un de cada catro fogares é un fogar unipersoal. Esta é unha tendencia que vai en aumento. Estímase que cada ano entre 100.000 e 150.000 persoas máis comezan a vivir soas no país.

As estadísticas nada din sobre quen e cantas persoas viven soas porque así o desexan e quen e cantas persoas viven soas porque a vida as acornellou na soidade.

Se vostede pertence á clase de persoa que decidirá vivir soa porque ese é o seu desexo non se preocupe. No país, entre vivendas baleiras e vivendas secundarias, isto é vivendas non ocupadas, hai 7.900.000 unidades. O cal supón unha grande oportunidade de ubicación, sempre e cando a súa economía lle permita cubrir gastos.

Se en cambio pertence vostede á outra clase, á que acabará vivindo soa porque a vida a obrigará a facelo así, dende xa recoméndolle que apague o twitter, o facebook, o móbil, a televisión ou calquera outro trebelliño co que estea tentando adormecer a testalana volatilidade do tempus fugit. Cultive os lazos afectivos. Esqueza o orgullo. Fale, conte, visite, procure, ábrase, deixe saír os seus sentimentos e, ante todo, non traizoe a confianza allea. Máis que nada porque en principio para non vivir só é preciso, alomenos, que algunha outra persoa queira vivir con vostede.