Cando morrer non é particularmente triste

O día do seu 104 cumpreanos o cidadán australiano David Goodall declarou que lamentaba profundamente ter chegado a esa idade. Díxoo con culpa, como se na súa man estivese ter sobrevivido tanto tempo. Non son feliz, engadiu, quero morrer, non é particularmente triste. O triste é que mo impidan.

David Goodall era un reputado científico no seu país, investigador asociado de honor da Universidade Edith Cowan de Perth, Australia. Non sufría ningunha enfermidade terminal, pero dende facía xa uns anos a súa calidade de vida sufrira unha importante mingua, así que solicitou ás autoridades australianas que lle permitiesen suicidarse. Ante a negativa recibida decidiu viaxar a Suiza, país onde a eutanasia está permitida, para pórlle fin á súa vida con dignidade.

Logo de comer coa súa familia, peixe fritido e torta de queixo, ás 12.30 horas do día 10 de Maio de 2018 David Goodall morría en Bâle, Suiza, despois de terlle sido administrada, co seu consentimiento, unha inxección letal de nembutal. Na sala onde lle foi practicada a eutanasia soaba o Himno da alegría de Ludwig van Beethoven. As súas derradeiras palabras foron, “isto estaba levando demasiado tempo”.