O horror que agochaban os seus rostros

Dende 1770 católicos e xudeus convivían en relativa harmonía na pequena localidade polaca de Jedwabne.

O 10 de Xullo de 1941 unha turba de veciños católicos ataviados con coitelos, machados, paus e legóns foron, casa a casa, detendo aos hebreos para levalos á praza da aldea. Unha vez alí acusáronos de conspirar co comunismo e asasinaron aos seus líderes a golpe de aveño. Ao resto pecháronos nun silo e prendéronlle lume. Algúns veciños apostáronse na porta para asegurarse de que ninguén poidese escapar da queima. A quen tentaba fuxir rebandábanlle o pescozo. Cando as lapas envolveron a construción guindaron a nenos e anciáns ao lume, provocándolles unha morte máis atroz, se cadra, que a aqueles que estando xa dentro morreron por asfixia.

Cando todo rematou os asasinos repartíronse as propiedades dos mortos, incluso as xoias que enfeitaban os corpos calcinados, e xuraron nunca máis falar do acontecido.

Mil seiscentas persoas foron brutalmente asasinadas aquel 10 de Xullo polas mesmas familias coas que conviviran durante case dous séculos.

Aínda que máis tarde transcendeu a verdade, nunca ninguén deu conta por aqueles crimes.