O mundo acabará cando morramos

O 13 de Decembro de 1968 a revista Science, no seu volume número 162, publicaba o dilema “Tragedy of the commons”, isto é, a Traxedia dos bens comúns. Garret Hardin, seu creador, argumentaba neste dilema que varios individuos motivados soamente por un interese persoal e actuando independente pero racionalmente, terminan por destruír un recurso compartido limitado aínda que a ningún deles lles conveña que tal destrución suceda.

Este dilema pode ser aplicado a unha gran parte da actividade humana e é considerado o causante dos principais problemas medioambientais. O colapso dos Rapa Nui, a deforestación das selvas, a veloz desertización do planeta, a sobreexplotación dos océanos… todo semella adecuarse perfectamente a esta diabólica premisa.

Posteriormente, e extrapolando o dilema de Hardin a nivel global, o psicólogo estadounidense Barry Schwartz sinalou; “os ricos están sobreconsumindo e os pobres agardan impacientes a unírselles”.

O mundo acabarase xusto no instante da nosa morte. As obras de deus dispoñen de tempo, as dos homes non tanto.