O home que soñaba flores

Durante toda a súa vida o alpinista, avogado, escritor, empresario, botánico e humanista esloveno Julius Kugy deambulou, aba arriba aba abaixo, polos Alpes Xulianos na procura dunha misteriosa flor, a Scabiosa Trenta.

Esa flor ocupou o seu pensamento como se do máis fermoso ser se tratase. Tal foi a obsesión que a Scabiosa Trenta sementou en Kugy que o escritor, nalgúns dos seus libros, dedicoulle elevadas palabras de pureza e paixón.

E así ti, flor milagrosa, longamente buscada e apaixonadamente desexada polo meu corazón, surxirás un día dos soños do meu devezo“.

Aquela flor nunca existiu, a Scabiosa Trenta non foi máis que unha ilusión nacida das súas propias ansias.

Ao longo da súa vida Julius Kugy non persiguiu máis que unha pantasma. No entanto, no seu vagar fervoroso, Kugy abriu máis de cincuenta novas rutas nos Alpes Xulianos, clasificou decenas de novas especies, alcanzou cumios xamais conquistados, escribiu libros, guiou a todo un exército negándose a empuñar un arma, fundou sociedades e até fixo medrar un xardín botánico.