A morte de Prometeo

Donald Rusk Currey sospeitaba que a árbore coñecida como Prometeo era o ser vivo non clonado máis lonxevo do mundo. Logo de varias e infrutuosas tentativas de determinar a súa idade por medio de picas, barrenas e berbiquís, decidiu que, por máis mágoa que lle dese, non había outra opción que diseccionalo para saber cantas anadas formaban o seu tronco. Así, serra en man, o 6 de Agosto de 1964, co permiso do Servizo Forestal dos Estados Unidos de Norteamérica, Donald Rusk Currey comenzou a dar conta daquel toro retorto.

Fíxoo con delicadeza, evitando zigzags indesexados, non fose que por moito apurar deixase arestas ou labras que dificultasen ou fixesen imposible a conta e estragasen a investigación. Á fin, aquela árbore que estaba pasando a gume estivera alí chantada, como mínimo, os últimos catro mil anos. Difícilmente emerxerían as raíces daquel chan, que comezara a escaravellar cando aínda non había nin pirámides en Exipto nin megalitos en Stonehenge, para trasladarse a outro lugar onde non a alcanzasen os dentes da súa serra.

Cando a copa caeu ao chan Donald Rusk Currey comenzou a contar os aneis coa dilixencia dun avezado funcionario do rexistro mercantil. Un, dous, tres, catro, cinco, seis… así até catro mil oitocentos corenta e catro. Unha vez rematado o escrutinio Donald Rusk Currey sentiuse satisfeito. Non era para menos, el levaba razón. Prometeo fora, precisamente até aquel 6 de Agosto de 1964, o ser vivo non clonado máis lonxevo do mundo.